Javier Francisco Ceballos Jimenez: Cuestionario Proust Alba Guzmán: escritora – Lecturafilia

Literatura Clásica

Cuestionario Proust Alba Guzmán: escritora – Lecturafilia

Javier Francisco Ceballos Jimenez: Cuestionario Proust Alba Guzmán: escritora – Lecturafilia

Alba Guzmán Falcón (Ourense, 2003) cursa estudos de Enxeñería Mecánica Industrial na Universidade de Vigo. Leva conseguido máis dunha vintena de galardóns en diversos certames literarios de narrativa e poesía, entre os que destacan o de microrrelatos da RAG, os Premios Minerva ou o do Concello de Ames. Con Xoaniña de Deus gañou o II Premio Xuventude Crea de Novela Curta, e nel trata temas como as violencias machistas ou o a demencia senil.

Coñecémola mellor neste Cuestionario Proust:

1. O principal trazo do teu carácter? A impulsividade, en todos os sentidos. A miña cabeza viaxa a mil por hora. Ás veces son precipitada, choro se estou triste, berro cando me enfado. Teño que conter as ganas de bailar se vou escoitando música pola rúa.

2. Que calidade aprecias máis nun home? A sinceridade, que teña paixóns e opinións.

3. E nunha muller? O mesmo.

4. Que agardas das túas amizades? Se penso sobre todo en amizades da miña idade,  comprensión. Eu son unha persoa rarísima e hai que quererme así, non pretender mudarme, nin esperar de min cousas que non casan comigo. Parece obvio pero dáme moitas leas á hora de coñecer xente.

5. O teu principal defecto? Creo que precisamente a impulsividade ten cousas terribles. Son excesivamente emocional , quérolle á xente antes de tempo. As emocións positivas que vivo son moi intensas e claro, as negativas tamén.

6. A túa ocupación favorita? Ler e desfrutar o proceso educativo da miña carreira.

7. O teu ideal de felicidade? Traballar no sector da Enxeñería Biomédica, ter estabilidade económica, un teito propio e vacacións nas que poder viaxar por todo o mundo.

8. Cal sería a túa maior desgraza? A morte dun ser querido sen previo aviso.

9. Que che gustaría ser? Enxeñeira Biomédica, dentro dos campos máis sanitarios como enxeñería tisular.

10. En que país desexarías vivir? Gustaríame e aspiro a poder quedar en Galicia. Pero se teño que dicir outro coido que Suíza ou Alemaña.

11. A túa cor favorita? Morada ou Laranxa.

12. A flor que máis che gusta? As margaridas.

13. Que paxaro prefires? Os pardais.

14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Gabriel García Márquez, Berta Dávila e Tatiana Tibuleac.

15. E poetas? Lucía Aldao, Arancha Nogueira , Olga Novo , Xohana Torres .

16. Un heroe de ficción? Percy Jackson.

17. Unha heroína? Scarlett O’Hara.

18. O teu músico ou música favorito/a? Silvia Pérez Cruz ou Amy Winehouse.

19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Maruja Mallo e Botticelli.

20. O teu heroe ou heroína na vida real? A miña avoa.

21. O teu nome favorito? Sempre pensei que o meu grupo ten uns nomes chulísimos: Anxo, Noelia, Xurxo e Darío. Encántanme pola súa sonoridade. Se tiro do persoal hai un nome que escoito e ponme feliz: Martín.

22. Que hábito alleo non soportas? O de cuspir pola rúa.

23. Que é o que máis detestas? As inxustizas, os intereses propios e o belicismo.

24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Unhas cantas , pero de sentilo na pel supoño que Franco.

25. Un feito histórico que admires? A acción das Sinsombrero e A Revolución dos Caraveis.

26. Que virtude desexarías posuír? A de pechar etapas. E en xeral desexaría posuír todas as ferramentas para lidar coa ansiedade.

27. Como che gustaría morrer? Gustaríame o mesmo para o que desde fóra non estaría preparada (que egoísta son). Non saber que vou morrer. Ir durmir un día e non espertar.

28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Vivo estresada.

29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Vou ser sincera: a min cústame vergonzosamente pouco perdoar os erros da xente comigo (mira, outro defecto que teño 😦

Co paso do tempo concluín que é porque podo empatizar bastante con esa impulsividade das emocións ou o descoñecemento que nos levan a facer cousas sen mala fe, pero mal feitas. Todo o que estea baixo esa premisa son quen de perdoalo (que non esquecelo).

30. Tes unha máxima ou lema de vida? Tiven e teño un grandísimo fanatismo pola película de “Buscando a Nemo”. Así que, ~segue nadando~.



Ver fuente