Javier Francisco Ceballos Jimenez: Cuestionario Proust Estíbaliz Espinosa, artista multidisciplinar – Lecturafilia

Literatura Clásica

Cuestionario Proust Estíbaliz Espinosa, artista multidisciplinar – Lecturafilia

Javier Francisco Ceballos Jimenez: Cuestionario Proust Estíbaliz Espinosa, artista multidisciplinar – Lecturafilia

Estíbaliz Espinosa Río é unha artista multidisciplinar no seu sentido máis amplo. Poeta e escritora, dedícase á literatura, á divulgación científica, especialmente á astronomía. E tamén é mezzosoprano. Entre as súas obras poéticas publicadas destacan Curiosidade, As neuronas irmás ou Papel a punto, sen esquecer o álbum infantil, e traducións e os relatos sobre mulleres científicas.

É Licenciada en Socioloxía e Filoloxía Hispánica, e algunhas das súas obras poéticas foron traducidas a linguas como o xaponés, hebreo, catalán, farsi, inglés e italiano.

1. O principal trazo do teu carácter?

Curiosidade. Risa. Argalleirismo.

Librobsesión. Inventar. Puntos suspensivos…unha vulnerable afouteza.

2. Que calidade aprecias máis nun home?

O seu sentido do asombro e o do humor. Que, penso, van trenzados.

3. E nunha muller?

O seu sentido do humor e o do asombro. Que van trenzados, penso.

4. Que agardas das túas amizades?

Nada. A boa hora serían amizades, se non!

Curiosamente, co tempo decateime de que un dos xeitos non contaminantes que teño de viaxar é trabar vínculos fondos con xente que non é de aquí, que está de paso.

Tamén descubrín que existe un dó polas amizades perdidas, como o hai pola morte de seres queridos.
Das amizades por interese agardo, sobre todo, sabedoría, unha rama da bondade. E saúde. Que me axuden nas mudanzas… xa non.

5. O teu principal defecto?

A introversión nun sistema social que premia extrovertidas. Perfeccionismo, que pode confundirse con desleixo. Sisifemia, un trastorno mítico. Calar por respecto a quen non me respectaría nunca (non é defecto, igual, é dignidade). Autosabotaxe (p. ex. aireando máis dun defecto).

6. A túa ocupación favorita?

Nadar. Cantar.

Mirar estrelas.
Mirar animais. Xente incluída.
Reenxeñalos, resignificalos a todos e escribilos.

7. O teu ideal de felicidade?

Un convento de monxas con telescopios. Con Y. e U. Escribir sen preocupacións de dós e finanzas.

Un laboratorio de literatura, ciencia e música no que traballo hai tempo, coa editorial 7emilias -unha homenaxe a moitas emilias literarias e científicas e ás miñas nai e avoa- cunha rama en astronomía, irmá da harmonía, e en neurociencia e saúde mental co nome do meu irmán.

A poesía como pensar crítico. Levo anos deixándome a pel na creación en galego e en Galicia dese espazotempo literario, ese saber unificado que é a poesía, a ciencia, a arte, a tecnoloxía, a música, con iniciativas locais propias nas que investín ilusión, ideas e ás veces os cartos que non tiña: dende o meu primeiro blog en 2005 (Como kosmos, e logo Mmmm) e as charlas Pinte un bisonte na caverna, por favor (de 2007) ata recentemente A ciencia do poema ou O entrelazamento  así como vídeopoemas e audiolibros. Pero sigo sendo unha calquera de libro. De ceo da boca e de libro.

8. Cal sería a túa maior desgraza?

As desgrazas que me aflixían de nena xa as vivín. Non escribín moito sobre elas. Non quero poñer máis do necesario por escrito ou anticiparme a esa madurez.

Pero si sei que a maior desgraza para a miña contorna sería perder o pensar crítico e incómodo da ciencia, dalgunha poesía, non toda…

9. Que che gustaría ser?

Hai anos escribira que cosmonauta poeta e contista. Non sei se me deu tempo ou me dará. Alguén que dobra o espazotempo ao dobrar unha páxina. Creo que me gustaría ser un significado nos puntos suspensivos da vida de alguén, o que dura un resplandor nun río ou unha frase musical. Ser unha filla, mamá, irmá, unha amiga, voz e perspectiva: alguén que devolve voces perdidas ou malogradas, perspectiva nunha sintaxe que desordena un cosmos.

Dende hai moito, emprego os puntos suspensivos na miña sinatura, nalgúns títulos, mesmo en poemas así titulados: é unha homenaxe ao seres pasados e ao ser por vir. Creo que me faría feliz ser ese punto suspensivo significativo, fiel a certos principios éticos malia o fracaso, e crítica se vexo espido o emperador: incluído o propio sistema literario no que escribo e me inscribo, non só o galego.

Son un E. Un E aberto. Son unha pregunta, e? E se…?

10. En que país desexarías vivir?

En órbita. Coido que xa vivimos un pouco en órbita, pero necesitámolo para facernos conscientes do que significa un só planeta, polo de agora, sen volta atrás.Non me vai moito o de pensar o mundo en países, patrias nin fronteiras pero si son unha que vén rida, chorada e politizada dende casa, e cánto. Aprendín perspectiva de xénero dunha nai soa moito antes que na universidade, aprendín coidados cun doente mental na casa e dereitos e voz a reivindicar como nai soa e como autora autónoma que loita porque non eclipsen a súa voz.

Desexaría vivir nun país no que non nos sintamos no mito de Cassandra de contino: véndoas vir e logo a velas vir.

11. A túa cor favorita?

Amarela. Dentro dun ollo humano, mellor.

12. A flor que máis che gusta?

As inesperadas. As que se abren paso entre fendas de asfalto e ruínas. Papoulas bailando no centeeiro. Orquídea serapias lingua  xunta herba de namorar nun prado da costa. Un xirasol por un valado, repentino e periscopio.

As que nos aprenden a facer a fotosíntese da reflexión e a paciencia.

Uz. Dá un mel de primeira.

13. Que paxaro prefires?

Baina honela, ez zen gehiago txoria izango.
Eta nik txoria nuen maite.

Amais do desa canción, de nena encaprichara dun martiño peixeiro de Sargadelos, non sei por que. Ainda o teño. Son unha alfaia do río, os picapeixes.

Prefiro as aves que emigran, coma o arao papagaio; as falangueiras, coma as pegas.

14. Os teus autores/as favoritos en prosa?

A perspectiva de Rachel Cusk e de Carl Sagan. A poesía disfrazada de prosa de Clarice Lispector e Pascal Quignard. Tolstoi, Sei Shonagon, Mary Somerville, Marta Peirano, Sabina Urraca, Robert Macfarlane, Álvaro Cunqueiro, Spinoza, Jenny Offill, Berta Dávila, Amélie Nothomb, Annie Dillard, Borges, Woolf, Coetzee, Alan Lightman, Ocean Vuong, Ali Smith, as Maggies (Nelson e O’ Farrell)…

15. E poetas?

Centos de versos de autorxs distintxs que forman unha monstra peluda, moi radioactiva.

De Dickinson e Carson, Rosalía e Alice Oswald, Vallejo e Safo, Szymborska e Villalta, Chus Pato, Pepe Cáccamo, Olalla Cociña ou Ismael Ramos, por mencionar uns poucos.

16. Un heroe de ficción?

Alguén co enxeño de Ulises e Nemo, a temperanza de Atticus Finch e o carisma inconsciente dun cronopio.

17. Unha heroína?

Orlando.

Mononoke.

Eleanor Arroway.

As miñas avoa, bisavoa e tataravoa, que non coñecín, son para min heroínas de certa ficción.

18. O teu músico ou música favorito/a?

O silencio previo a que soe unha desas músicas favoritas. O falar dunha voz que me guste. Un río subterráneo.

Dos clásicos, Vivaldi, Bach, Ravel, Debussy, Bártok, Saahario, Gubaidulina. Das contemporáneas, sempre fun moi das pandeireteiras, Ella Fitzgerald, Björk, PJ Harvey, Siniestro Total e Mogwai. E as do medievo: von Bingen, Machaut ou Códax. E moitas bandas sonoras, de Zimmer a Minecraft.

19. O teu pintor ou pintora preferido/a?

As pegadas da man en negativo hai 35.000 anos, nas covas cántabras. E máis pegadas a min no espazotempo: as dos frescos minoicos, Remedios Varo e Maruja Mallo, Giotto, Banksy, Lugrís, Yayoi Kusama. Artistas de banda deseñada, Miguelanxo Prado e Moebius, ilustradores como Pablo Gallo, Clara Cerviño, Celsius Pictor…

20. O teu heroe ou heroína na vida real?

Os que, malia a pobreza, o intento de suicidio, a olanzapina, o cancro ou o ictus, tiraron para adiante. As que protestan de xeito contundente. As intelixencias e carismas que cambian o seu mundo, que apostan sen impostar. As que desafían e mutan ideas, malia ficaren soas. Os que non se colgan medallas por facelo.

21. O teu nome favorito?

Emilia. Pandora. Marusía.

Guillermo. Ulises. Yare.

E rescato un nickname, o meu alcume de hai tempo en rrss: criatura mecánica.

22. Que hábito alleo non soportas?

A suspicacia ante quen obra fóra dos marcos do “esperable”. O nesgo de manipulación para auto-engrandecerse, disfrazándoo de altruísmo. O quedabenismo. Paternalismo e condescendencia flavour. Presentarse 5 veces ao mesmo certame tras gañalo. Nutrir o caciquismo e o monopolio da industria cultural. Prexulgar sen ler.  Discutir con idiotas.

Atribuírse méritos entre trampas. A meritocracia. Ou o hábito arraigado de intentar dar envexa aos demais, de apoucalos. Dá en óso comigo.

Unha soa idea de poesía, unha soa idea de humanidades vs ciencias, unha soa idea de familia. Unha soa de amor. De música. De lingua. De humanidade. Unha idea soa e de terceira man vendida como ousada.

E certas inercias: a da narrativa do “se queres, podes”, que saibamos ver o sexismo, pero non o idadismo ou a metáfora de que certas doenzas son batallas con campións e perdedores.

23. Que é o que máis detestas?

Os linchamentos. A non-bondade (sobre todo a moi perigosa que se fai pasar por bondade,:a bondade é intelixencia).  A invisibilización/infantilización da voz da muller como autora ou auctoritas, tanto en ciencia como en literatura, no eido dixital…

Os que exportan ideas alleas sen que lles importe a quen llas rouban pero reportando beneficios persoais. As que repiten as palabras/ideas que, nun contexto informal – redes, por exemplo-, acabas de brindar ti pero baixo máis focos e medios, e como propias. Oportunismo trepa. A adulación. O clasismo obsceno en industrias culturais. O idadismo. Poder mesquiño, envexoso. Vitimismo manipulador e deshonesto que usurpa a voz da vítima.

A obriga á produción constante baixo a idea tiránica de «Ti es a túa propia marca persoal, tes que venderte» ( e se non se quere? E se se sabe a peaxe pero preferiría non facelo?). Vender como libertarias ideas xa resesas, neoliberais, anticientíficas. Vender como afoutas ideas ou textos covardes e de segunda man, de aplauso fácil.

Aferrarse a certezas sen evidencias. A tortura.

24. Unha figura histórica que che poña mal corpo?

O meteorito que disque causou a Gran Extinción do Pérmico. Heille pintar un bigotiño nun libro de Historia.

Na historia humana, todas as que disfrazaron de moral santona e necesaria o maltrato aos vulnerables. Non somos só humanos pola roda, o lume ou a arte. Sómolo porque curamos un fémur roto de alguén que morrería sen nós. E a todas se nos creba algo nalgún momento.

25. Un feito histórico que admires?

Esa estratexia dalgunhas células primixenias de sitiar o ADN cunha membrana nuclear. Tan pequenas e xa tan perversas!

Da historia sapiens, que pouco despois dos movementos polos dereitos civís e o auxe do feminismo, guindásemos ao espazo un disco dourado cheo de poemas, música, risos, saúdos, deseños atómicos e xeolocalizacións por púlsares: unha das declaracións de amor ao universo máis grande que temos feito. 

Os feitos históricos máis admirables que levamos vivido nesta época teñen que ver socialmente co xénero e a súa perspectiva, coa tecnoloxía e a ciencia ( a conciencia do humano fronte ao cosmos) e coa lingüística. Verbalizamos o mundo. Dámoslle un peso inmaterial ao espazotempo que nos toca vivir. Traducimos o universo. Iso é tremendo.

26. Que virtude desexarías posuír?

Falar loba. Falar fotón. Falar enerxía escura (a que compón o 68% do universo, nada de misticismos)

27. Como che gustaría morrer?

Seca nun libro, como moitas flores ( e billetes, tickets, cartas) ás que sometemos a prensarse e pensarse entre a páxina 23 e 24 da novela calquera.

28. Cal é o estado máis común do teu ánimo?

Escribento. Melancorretranqueiro. Pero optimista no nihilismo.

Vin nacer e vin morrer seres queridos, nas miñas mans: ninguén pode inflixirme demasiado mal, mesmo que o intente. Sei das malas persoas, por suposto, mais trato de rodearme sempre de xente bondadosa e xenuinamente orixinal e crítica no seu pensamento. Controlo ben as emocións nas desgrazas persoais que todos experimentamos. Cando se perdeu todo, non queda outra que a audacia dentro do dó.

Falsa feminista debo de ser un pouco tamén. E industriosa pero mal, porque non dá a vida. E logo digamos entre albela e lebrescura.

29. Que defectos che inspiran maior indulxencia?

Os da xente apaixonadamente torpe, introvertida, impuntual, asocial.

30. Tes unha máxima ou lema de vida?

Non teño lemas, ou non para confesar aquí. De cando en vez doume un Eureka! seguido dun sopapo, non vaia ser.



Ver fuente