Javier Francisco Ceballos Jimenez: Antón Recamán, profesor e poeta – Lecturafilia

Literatura Clásica

Antón Recamán, profesor e poeta – Lecturafilia

Javier Francisco Ceballos Jimenez: Antón Recamán, profesor e poeta – Lecturafilia

Antón Recamán nace en Cee, na Costa da Morte, a mediados dos anos oitenta. Licenciado en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, cursou tamén dous mestrados universitarios: un de Tradución Multimedia e Audiovisual e outro de Formación para o Profesorado. Actualmente imparte docencia de inglés no IES Terra de Soneira de Vimianzo.
Entre os seus poemarios destacan As Mans Atlánticas da Ausencia e Alén do corpo, ambos publicados en Urutau.

Coñecémolo mellor neste Cuestionario Proust:

1. O principal trazo do teu carácter? Diría que o principal é que son unha persoa tranquila. É complicado que eu me agobie ou me vexa desbordado.

2. Que calidade aprecias máis nun home? A humildade é unha calidade que aprecio moito.

3. E nunha muller? O mesmo, a humildade nunha persoa para min é unha calidade necesaria.

4. Que agardas das túas amizades? Que sexan un lugar de recollemento e desafogo.

5. O teu principal defecto? A incapacidade de comunicar como me sinto. É un defecto que me trouxo algún que outro problemiña ao longo da miña vida.

6. A túa ocupación favorita? O meu tempo libre dedícollo á lectura, ao cine, ao deporte e aos videoxogos con todo, non vou mentir, o que máis me gusta son os videoxogos.

7. O teu ideal de felicidade? Non creo que sexa acadábel; a felicidade é algo efémero pois non entendo a felicidade como un estado de ánimo constante. Algo que me fai feliz, aínda que sexa por uns intres, é compartir tempo coa xente que quero.

8. Cal sería a túa maior desgraza? Deixar de ser quen son.

9. Que che gustaría ser? Pois un ancián que cando mire atrás o faga sen remorso algún.

10. En que país desexarías vivir? Na Galiza.

11. A túa cor favorita? Depende do estado de ánimo, non teño preferencia por unha cor en concreto.

12. A flor que máis che gusta? A margarida.

13. Que paxaro prefires? A andoriña.

14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Voume ir a autores de literatura fantástica que é o xénero que máis consumo e vou dicir Robin Hobb (seudónimo de Margaret Astrid Lindholm) e Robert Jordan (seudónimo de James Oliver Rigney). As súas sagas do Vatídico e da Roda do Tempo respectivamente resúltanme brillantes en canto á construción do mundo e a cadencia coa que transcorre a acción. Ademais en ambas sagas hai un sistema de maxia críbel e hai personaxes moi interesantes cun moi bo desenvolvemento. E vou mencionar a Mika Waltari porque as súas novelas históricas son unha delicia.

15. E poetas? En lingua galega para min o referente absoluto é Lois Pereiro. Fixo unha poesía absolutamente brutal no seu tempo. Logo hai moitas poetas das que gusto enormemente: Tamara Andrés, Silvia Penas, Samuel Merino, Estevo Creus, Branca Trigo, Arancha Nogueira… podería mencionar un montón. En lingua castelá Alejandra Pizarnik e Idea Vilariño fixeron unha poesía coa que resoo moito. En lingua inglesa elixiría poetas irlandeses como Yeats ou Wilde.

16. Un heroe de ficción? Goku. Penso que non precisa presentación.

17. Una heroína? Aloy, dos videoxogos Horizon Zero Dawn e Horizon Forbidden West.

18. O teu músico ou música favorito/a? Mark Hoppus, baixista e cantante de Blink-182.

19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Gústame moito o impresionismo; pintores como Monet ou Renoir e o postimpresionismo con Van Gogh.

20. O teu heroe ou heroína na vida real? As persoas que levan toda a vida aturando de min.

21. O teu nome favorito? María e Artai.

22. Que hábito alleo non soportas? Fumar en espazos públicos.

23. Que é o que máis detestas? A arrogancia.

24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Hai moitas mais se teño que dicir unha diría Gengis Kan.

25. Un feito histórico que admires? O Renacemento. Sei que máis que un feito histórico concreto é un período pero non podo deixar de pensar que sen ese paso das tebras á luz non teriamos sido quen de construír a modernidade tal e como a entendemos hoxe.

26. Que virtude desexarías posuír? Gustaríame ter máis paciencia.

27. Como che gustaría morrer? Sen remorsos.

28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Non sabería dicir cal predomina, a verdade. Intento ser unha persoa positiva e alegre porén tampouco lle pecho a porta a tristura cando se fai necesario sentila.

29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Podo ser máis indulxente coa mentira que coa arrogancia.

30. Tes unha máxima ou lema de vida? Camiño antes que destino.



Ver fuente