Javier Francisco Ceballos Jimenez: escritor e mestre – Lecturafilia
Xosé Carlos Carracedo é desas persoas íntegras, coa mirada inocente e soñadora. Graduado en Maxisterio e escritor, na mocidade coñeceu a Neira Vilas e escribiu a súa ópera prima Somos de Arxerís, que ilustrou o fotógrafo Fuco Reyes. Posteriormente empezou a traballar con nenos e nenas de altas capacidades en proxectos impulsados pola Universidade de Santiago de Compostela en diversos lugares da xeografía galega.
Na década de 2020 comezou a publicar textos nas súas redes sociais e de aí saíu o libro autobiográfico Diario dun confinamento. Gañou o premio de poesía Pérez Parallé en 2023 coa obra Utensilios de cociña e algúns xantares caleidoscopicos.
Coñecémolo mellor neste Cuestionario Proust:
- O principal trazo do teu carácter? O entusiasmo alegre.
- Que calidade aprecias máis nun home? A altura de miras e a bondade.
- E nunha muller?O mesmo.
- Que agardas das túas amizades? Lealdade, afecto e coidado.
- O teu principal defecto? Son algo obsesivo coas cousas que me interesan.
- A túa ocupación favorita? Ser libre: escribir, facer deporte e ler. Tamén tomar unha caña con quen me dea unha boa conversa. E estar de vacacións tamén. O outro día escoitei unha frase que dicía que se traballar é bo para a saúde que traballen os enfermos.
- O teu ideal de felicidade? Fantasío coa idea de transitar os Pirineos de Catalunya a Euskadi na bicicleta cunha mochila que leve un libro e un caderno (e roupa, claro. Viva a hixiene!). Logo habería que ver como volver a Galiza. Hai que conectar as nacións sen estado. Facer un velogaleusca. Como rutina? Estar ben e ocupar o tempo no que proporciona benestar. Ter liberdade, amor e saúde.
- Cal sería a túa maior desgraza? Vivir poucas vidas.
- Que che gustaría ser? Eu mesmo, pero máis aprendido.
- En que país desexarías vivir? Nunha Galiza que non deixe de ser. Nun país no que a memoria dos nosos perdure. Se segue así acabaremos en Portugal! O galego non protesta, o galego emigra.
- A túa cor favorita? Agora o amarelo como opción progresista de innovación, mais continúa a resistirse o verde na paleta conservadora dos gustos.
- A flor que máis che gusta? A margarida. É a flor meiga. O oráculo das plantas.
- Que paxaro prefires? O corvo Vicente de Miguel Torga porque desafiou a Deus e gañou. Tamén o miñato, que vexo planear ou observando os prados. El tamén desafía, pero semella derrotado.
- Os teus autores/as favoritos en prosa? Os que me baten na cabeza son Álvaro Cunqueiro, Margarite Yourcenair, O propio Torga, García Márquez, Cortázar, Hesse, Saramago…
- E poetas? Eduardo Galeano, Lois Pereiro, Rosalía, Borges, María Zambrano, Pessoa… Empecei hai pouco con Chantal Maillard e promete, mais aínda non a asentei.
- Un heroe de ficción? Monkey D. Luffy. Tamén Ulises, que é o seu “avó”.
- Unha heroína? Sherezade, porque inventou a mestría de contar. Tamén Lilit, a primeira revolucionaria.
- O teu músico ou música favorito/a? Clásica e Rock. De Mozart a Springsteen pasando por Sés.
- O teu pintor ou pintora preferido/a? Gústanme os vangardistas, pero non teño ningún favorito.
- O teu heroe ou heroína na vida real? Cústame responder a esta pregunta porque teño a impresión de que ninguén é heroe ata que morre.
- O teu nome favorito? Mael.
- Que hábito alleo non soportas? Non me gusta nada que me escarmenten dicíndome o que teño que facer, pero soportar é unha palabra moi forte. Todos caemos en malos hábitos. Agora, se se xuntan moitos ou cousas moi graves marcho de aí.
- Que é o que máis detestas? Os grelos. Atragoeime de cativo e non podo con eles. Tampouco me gusta o caldo. Téñenme chamado apátrida.
- Unha figura histórica que che poña mal corpo? Unha delas Franco. Un bárbaro. No plano cultural talvez pensemos cousas semellantes dos que aprobaron e fomentaron o Decreto 79/2010. Unha norma que analfabetiza o pobo dende a escola. O futuro ditará sentencia. Ponme mal corpo toda esa corrente histórica.
- Un feito histórico que admires? Os neofalantes e todos aqueles que impidan a nosa extinción cultural.
- Que virtude desexarías posuír? Maior asertividade.
- Como che gustaría morrer? En Ítaca. Moi velliño, con saúde e feliz. Cunha gran familia e con moitos libros escritos.
- Cal é o estado máis común do teu ánimo? Pensando cousas. Son un bulebule.
- Que defectos che inspiran maior indulxencia? Os que non son mal intencionados e que non desembocan nunha traxedia.
- Tes unha máxima ou lema de vida? Si, pero é un segredo!